Chegou o momento da despedida!

A vida está chea de etapas, e de todas se aprenden cousas.

Nesta etapa que agora remata, son moitas as actividades que fixemos xuntos: traballamos con vídeos, fotos, debuxos, sons,…, fixemos actividades jclic, edilim,…, ata unha videoconferencia. Moitas foron as risas que nos botamos, e tamén algún que outro rompedeiro de cabeza. Traballamos cos nosos compañeiros e compañeiras, non só da nosa escola senón tamén das outras escolas do CRA, inventamos contos, cancións e bailes; grabamos podcast, programas de radio e curtametraxes; debuxamos, coloreamos, escaneamos e imprimimos, ata aprendemos como se conecta un ordenador.

Esta etapa xa rematou, polo menos para min, o destino levoume para outra escola onde outros nenos e nenas esperan, e onde comezarei outro ciclo máis, seguramente cheo de sorpresas e de bos momentos, como o que vos esperan a vós. Pero pódovos asegurar que nunca me esquecerei dos compañeiros/as e dos rapaces/as do CRA “Os Remuíños”, entre outras cousas porque aprendín moito máis de vós, do que seguramente fun que de ensinarvos, por iso, e por todos os momentos que compartimos xuntos, MOITAS GRAZAS a todos e todas.

Ata sempre!