Chegou o momento da despedida!

A vida está chea de etapas, e de todas se aprenden cousas.

Nesta etapa que agora remata, son moitas as actividades que fixemos xuntos: traballamos con vídeos, fotos, debuxos, sons,…, fixemos actividades jclic, edilim,…, ata unha videoconferencia. Moitas foron as risas que nos botamos, e tamén algún que outro rompedeiro de cabeza. Traballamos cos nosos compañeiros e compañeiras, non só da nosa escola senón tamén das outras escolas do CRA, inventamos contos, cancións e bailes; grabamos podcast, programas de radio e curtametraxes; debuxamos, coloreamos, escaneamos e imprimimos, ata aprendemos como se conecta un ordenador.

Esta etapa xa rematou, polo menos para min, o destino levoume para outra escola onde outros nenos e nenas esperan, e onde comezarei outro ciclo máis, seguramente cheo de sorpresas e de bos momentos, como o que vos esperan a vós. Pero pódovos asegurar que nunca me esquecerei dos compañeiros/as e dos rapaces/as do CRA “Os Remuíños”, entre outras cousas porque aprendín moito máis de vós, do que seguramente fun que de ensinarvos, por iso, e por todos os momentos que compartimos xuntos, MOITAS GRAZAS a todos e todas.

Ata sempre!

Revista “Contiños” (Curso 10/11)

Contiños 10/11

Máis vale tarde que nunca, aquí tedes o link da revista escolar do curso 2010/2011 confeccionada polos mestres/as e alumnos/as do CRA “Os Remuíños” de Cabana de Bergantiños.

Cada unha das seis escolas que constituen o CRA redactaron o seu artigo da revista, facendo un resumo das actividades más importantes que levamos a cabo durante este curso.

Para acceder á revista fai ‘clic’ aquí. Sen máis, esperamos que disfrutedes dela.

Dia Mundial do Medio Ambiente

O pasado 5 de xuño foi o Día Mundial do Medio Ambiente. Neste día reflexionamos sobre a saúde do noso planeta, e sobre o que podemos facer cada un de nós para que coidalo pero… non só hoxe, senón todo o ano.

Para iso fixemos unhas actividades que o mestre de TICs atopou pola rede e que vos deixamos aquí por si queredes botarlle unha ollada.

Actividade do Ministerio de Medio Ambiente.

Xogo para coidar os rios.

Letras Galegas 2011: “Lois Pereiro”

No CRA “Os Remuíños” tamén conmemoramos o día das Letras Galegas, que este ano foi adicado a Lois Pereiro, un poeta de Monforte de Lemos.

A mestra de Fontenla, Marta, fixo unha actividade en EdiLim moi completiña e aprendemos moito facéndoa.

O mestre de TICs, tamén fixo unha, pero orientada aos máis pequenos e pequenas do cole.

Día de Europa

Para celebrar o “Día de Europa” estivemos botando unha ollada a un blogue confeccinado para a ocasión. Neste blogue hai contidos para todas as idades así que, en función da escola, profundizamos máis en uns ou en outros. O himno, a bandeira, a moeda, as línguas,…, foron aspectos que ilusionaron aos rapaces e rapazas.

Chegou a primavera!!

A primavera chegou a Cabana de Bergantiños e encheu todo de flores e bolboretas. O rapaces e rapazas do noso centro quixeron plasmar todo esta explosión de cor cunha ilustración. Para facela, primeiro debuxaron nunha folla algo referente á primaveia, despois escanearon o seu debuxo para poder traballar co el dentro do ordenador, e para rematar, e grazas ao software Gimp, colorearon os seu traballos ata convertelos nas obras de arte que aparecen na presentación.

Uns artistas!!!

Isto está chupado!

O outro día puxemos aos alumnos e alumnas de Neaño nun pequeno aperto: O ordenador estaba desmontado e tiñámolo que conectar todo para poder traballar con el.

Pois ben, sen dubidalo nen un segundo, e tomando as medidas de seguridade correspondentes, os pequenos/as foron buscando a forma de amañar o problema.

Estes rapaces e rapazas sonche moi listiños!!

Conectados grazas ás TIC

As novas tecnoloxías son boas ou malas?? Pois, realmente nin boas nin malas, eu nunca vin a un ordenador dando esmola a un pobre e tampouco vin a ningún facendo trangalladas pola rúa. As TIC están ao noso sevizo e dependendo o que fagamos con elas serán mellores ou peores.

Nesta ocasión penso que a utilización das TIC foi fantástica. ¿Como unir duas aulas de un mesmo colexio que están separadas varios kilómetros unha da outra (os casos do CRA: Colexios Rurais Agrupados)? Pois facendo unha videoconferencia ou videochat. Deste xeito os nenos e nenas dunha escola poden comunicarse (voz e imaxe) cos rapaces e rapazas de outra e, incluso, facer proxectos en común.

A finais do pasado mes, no CRA “Os Remuíños”, fixemos a primeira videoconferencia: unha experiencia piloto entre as Escolas de Anós e Fontenla que, resultou moi ben.